Santiago, 20 de xaneiro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita que se estendan as casas do maior naqueles concellos onde non estea en funcionamento algún centro de día.
“As casas do maior son a alternativa idónea para as persoas que queren seguir vivindo na súa contorna, a carón da súa familia e dos seus veciños, pero tamén para os emprendedores que queren desenvolver a súa profesión na vila onde residen”, manifestou a deputada popular Noelia Pérez.
A Xunta de Galicia puxo en marcha en 2018 as casas do maior, unha especie de pequenos centros de día que se presentan como unha alternativa cando na contorna non existen outros recursos de atención para persoas maiores de 60 anos e que inciden na atención e na prevención da dependencia e na promoción da autonomía persoal para mellorar a calidade de vida dos maiores.
PIONEIRA EN ESPAÑA
“Foi unha iniciativa pioneira en España, da que na actualidade xa se están a beneficiar máis de 450 maiores, que viña dar cumprimento ao principio reitor do sistema de atención ás persoas dependentes, que é que cada galego poida decidir libremente como e onde facerse maior”, sinalou Noelia Pérez.
Deste xeito, este modelo de atención aos maiores favorece que a permanencia das persoas na súa contorna se realice nas mellores condicións de equidade no acceso aos recursos de proximidade, fomenta a prevención das situacións de dependencia en maiores que aínda gozan de autonomía e axuda a paliar as situacións de illamento social que sofre gran parte deste colectivo.
Ademais, Noelia Pérez afirmou que este modelo “incide no benestar dos coidadores familiares, contribuíndo a diminuír a carga dos coidados tanto desde o punto de vista instrumental como desde o punto de vista emocional, ao tempo que está a favorecer a fixación de poboación e a creación de emprego no rural”.