Santiago, 3 de decembro de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta a desenvolver ferramentas que axuden e faciliten a formación das persoas ao longo da vida utilizando contornas dixitais.
“A crise ocasionada pola Covid-19 colocou a aprendizaxe a distancia e en liña no corazón das prácticas educativas e demostrou que é esencial dispoñer dun sistema educativo e de formación adaptado á era dixital”, manifestou o portavoz popular de Educación, Ovidio Rodeiro.
“O sistema educativo ten como principio básico propiciar a educación permanente dentro e fora do propio sistema para mellorar as capacidades, habilidades, aptitudes, coñecementos e competencias da poboación”, sinalou Rodeiro, quen animou á Consellería “a seguir traballando e avanzar no desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital que ofreza acceso a recursos educativos de calidade en contornas virtuais e potencie formas flexibles de aprendizaxe ao longo da vida”.
ACCESO A TODA A CIDADANÍA
O portavoz popular afirmou que, “para que toda a cidadanía poida acceder a unha educación e a unha formación integrais, inclusivas e de calidade, faise preciso ofrecer políticas e instrumentos eficaces en materia de aprendizaxe ao longo da vida, incrementando esforzos na capacitación e formación de toda a poboación galega e acometendo modificacións normativas que dean solidez a un sistema educativo que poida ofrecer a todas as persoas vías de aprendizaxe múltiples e flexibles”.
Deste xeito, Ovidio Rodeiro considerou “necesario deseñar actuacións encamiñadas á mellora das competencias e capacidades dixitais, favorecer a dixitalización dos métodos de ensinanza e as pedagoxías; e proporcionar as infraestruturas necesarias para unha aprendizaxe a distancia inclusiva e resiliente”.