O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do PSdeG, a través da que se insta á Xunta a que continúe estendendo o programa Xantar na casa para que un maior número de galegos poidan beneficiarse
do mesmo.
A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, sinalou que “os bos resultados obtidos e a excelente valoración por parte dos usuarios, e tamén das súas familias, lévanos a incidir na conveniencia de que o programa Xantar na casa se amplíe a un maior número de concellos e de posibles beneficiarios”.
O programa Xantar na casa é un servizo de proximidade que desenvolve a Xunta en colaboración cos concellos e que consiste na subministración de comidas no propio domicilio das persoas usuarias. Esta iniciativa ten como obxectivo principal garantir unha dieta saudable, adaptada e equilibrada ás necesidades específicas de cada usuario, principalmente persoas maiores e que viven soas.
Na actualidade, o Goberno galego reparte a través deste programa máis de 17.000 menús semanais a máis de 2.000 persoas espalladas por máis de 200 concellos. A Xunta financia o 50 por cento da comida, mentres que a outra metade corre a cargo do concello e dos usuarios a partes iguais.
A comida repártese nos domicilios nunha única entrega para todos os días da semana, polo que o usuario so ten que quentala antes de consumila. Ademais, facilítanselles os electrodomésticos necesarios en caso de que non os teñan, como neveira ou microondas.