Santiago, 15 de setembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, solicitar tanto á Xunta como ao Goberno central unha simplificación da normativa que afecta ao eido marítimo-pesqueiro. Ademais, demándase a creación dos instrumentos axeitados que permitan a consulta sinxela e por temas específicos de toda a normativa europea, estatal e autonómica en materia pesqueira nun único espazo virtual no que estes textos permanezan constantemente actualizados.
O deputado popular Alberto Pazos sinalou que “unha simplificación da normativa que afecta ao sector pesqueiro redundará nun mellor cumprimento desas normas”. Deste xeito, indicou que o PPdeG “encamiña os seus esforzos en dispoñer normas que non distorsionen a actividade dos mariñeiros, mariscadores e acuicultores”.
XESTIÓN BUROCRATIZADA E RALENTIZADA
Pazos manifestou que “a amplitude da normativa pesqueira, a diversidade de taxas e obrigas fiscais, xunto coa inadecuación de obrigas de seguridade, fan que a xestión diaria da flota se burocratice e ralentice de forma innecesaria”.
Por este motivo, considerou necesario que Xunta e Goberno central “continúen traballando para facilitar o cumprimento das obrigas no sector marítimo-pesqueiro”, facilitando aos profesionais un espazo virtual totalmente actualizado no que teñan acceso a toda a normativa que lles afecta”.