Santiago, 22 de maio de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a abordar, antes do remate de 2018, coas deputacións e concellos os criterios de aplicación do artigo 137 do Regulamento xeral de estradas de Galicia.
En concreto, este artigo establece que as parcelacións e segregacións de parcelas colindantes coas estradas só se poderán autorizar cando o acceso rodado de todas as novas parcelas xeradas se resolva a través doutras vías distintas das estradas. Por este motivo, o portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, avogou por “estudar a flexibilización desta normativa en función das particularidades de cada caso no nova orde de accesos, que xa se está a tramitar”.
AVALIACIÓN CONXUNTA
O texto aprobado incide na necesidade de que técnicos das administracións autonómica, provincial e municipal estuden as consecuencias da aplicación deste artigo do Regulamento xeral de estradas de Galicia. Así mesmo, e unha vez aprobada a nova orde de accesos, avaliarase no seu conxunto este novo marco normativo baseándose en criterios de seguridade viaria, intensidade de tráfico, funcionalidade e explotación de estradas.
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, lembrou que a Axencia Galega de Infraestruturas “ten previsto convocar no mes de xuño unha reunión técnica con concellos e deputacións para abordar a aplicación da normativa de estradas nos treitos urbanos, co obxectivo de clarificar e dar resposta a todas as dúbidas”.
Martín Fernández manifestou que “o Regulamento xeral de estradas, ademais de ofrecer solucións ás situacións particulares derivadas das singularidades do territorio, reforza as garantías xurídicas para a cidadanía”.
Deste xeito, considerou necesario “lograr o necesario equilibrio entre os intereses dos propietarios das parcelas, os dos usuarios da vía e os da Administración, tendo en conta que as parcelacións e as segregacións supoñen xerar novos accesos ás estradas, e que están deseñadas principalmente para dotar de mobilidade ao territorio e non para ser soporte de desenvolvementos urbanísticos”.