Santiago, 1 de febreiro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, logo dunha transacción acordada entre o Grupo Popular e o BNG, a través da que se insta á Xunta a adiantar os cartos das compensacións económicas por inactividade obrigada aos mariscadores da ría do Burgo durante o tempo que duren as obras de dragaxe e rexeneración previa garantía de transferencia, mediante a sinatura dun convenio ao inicio das obras, dos fondos pertinentes polo Goberno central para esta finalidade, o que permitirá activar garantías de protección a estes traballadores e evitarlles un compromiso de endebedamento engadido innecesario.
?️O @Par_Gal aproba,a través dunha emenda do @ppdegalicia,instar á @Xunta a adiantar os cartos das compensacións económicas por inactividade obrigada aos mariscadores da ría do Burgo durante o tempo das obras previa garantía dun convenio co Estado @bfreire @acorunapp pic.twitter.com/HnOaAyNFjD
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) February 1, 2022
A deputada popular Begoña Freire lembrou que “as obras de dragaxe da ría do Burgo son competencia e responsabilidade exclusiva da Administración Xeral do Estado”, pero insistiu que “a Xunta sempre amosou a súa plena disposición a asumir a xestión e tramitación das indemnizacións para compensar aos mariscadores por estas obras, pero tendo a seguridade de que o Goberno central transfira a Galicia os fondos necesarios para facer fronte a estes pagos”.
“Ademais, a Xunta xa amosou a súa disposición a adiantar os cartos para pagar estas compensacións, pero a fórmula tería que executarse mediante a sinatura dun convenio de colaboración co Goberno central no que se recollan os recursos a destinar e a posterior devolución destas cantidades”, concretou.
O BNG, CO GOBERNO CENTRAL
Begoña Freire lamentou que o BNG “volvera defender hoxe no Parlamento galego os intereses do Goberno de España antes que os de Galicia e o dos mariscadores da ría do Burgo, obviando que as competencias do Estado no eido ambiental e as propias obras de dragaxe impiden o exercicio das competencias autonómicas en pesca e marisqueo para que corresponda a Galicia abonar estas compensacións”.
Para rematar, a deputada popular demandou ao Goberno central que “abandone o seu inmobilismo e se faga cargo dun asunto que é responsabilidade súa”, porque dixo que “non podemos entender como despois de producirse un aforro de máis de 13 millóns de euros na adxudicación da obra da dragaxe o Ministerio pode estar a xogar co futuro de 80 familias”.