Santiago, 14 de febreiro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe, a iniciativa do Grupo Popular, instar á Xunta de Galicia a impulsar, en común co Consello Galego de Pesca, unha análise particularizada da situación dos caladoiros, das novas esixencias en materia de descartes pesqueiros ou da oportunidade que se abre para reformar a ríxida normativa europea como consecuencia do Brexit, para verificar a posibilidade de incrementar as posibilidades de pesca á luz dos aumentos da biomasa das especies pesqueiras.
O portavoz do Mar do Grupo Popular, Carlos López Crespo, afirmou que “un dos principais obxectivos que se persegue ano tras ano por parte da Xunta é ofrecer novas posibilidades de pesca para todas as flotas e profesionais do mar”. Neste sentido, apuntou que “esta non é unha decisión que dependa exclusivamente do Goberno galego, pero si desenvolver unha estratexia ante a Unión Europea que sexa o máis acaída posible para facer valer unha suba xeral das cotas de pesca, que permita a viabilidade e o futuro do sector”.
“É imprescindible seguir avanzando na análise dos stocks pesqueiros no medio mariños xunto á posta en valor de todos os esforzos feitos ata o de agora por parte do noso sector para lograr unha mellora, constatable e cientificamente admitida das principais especies de interese para a flota galega”, engadiu López Crespo.
INCREMENTOS DE COTA CO GOBERNO DO PP
Pola súa banda, o deputado Alberto Pazos contrapuxo a perda dun 44 por cento de cota entre os anos 2005 e 2012 cun Goberno central socialista, fronte ao aumento dun 13,4 por cento rexistrada entre 2012 e 2014 xa cun Goberno do Partido Popular. “Son 32.747 toneladas de peixe máis, cun valor de 324 millóns de euros que reverteron positivamente na economía do sector, conseguindo incluso aumentar o valor comercial das capturas nunha media do 36 por cento”, engadiu.
Máis en concreto, Pazos apuntou que na frota do Gran Sol incrementou a súa cota nun 58 por cento no arrastre e nun 92 por cento no palangre de fondo; ao tempo que na flota do caladoiro nacional do Cantábrico e Noroeste o aumento foi do 23 por cento para o arrastre, do 55 por cento para o cerco e do 14 por cento para as artes menores.
“Pero é que se falamos do reparto interno desas cotas, tamén se pon de manifesto que na actualidade a flota galega dispón do 87 por cento das cotas do arrastre, o 26 por cento da cota de xarda, o 98 por cento na zona Ixa ou o 65 por cento da cota na volanta”, manifestou.