Santiago, 25 de xaneiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, a proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a aprobar durante o primeiro semestre deste ano a norma que regule o réxime de contratación do persoal investigador laboral da Administración da Comunidade galega, incorporando a correspondente memoria económica. “Con esta norma, Galicia volverá a ser pioneira en España, creando por primeira vez a figura do persoal investigador e incluíndoa no catálogo de postos de traballo da Administración autonómica, co obxectivo de favorecer a retención do talento científico”, asegurou o deputado do Grupo Popular Moisés Blanco
Na súa intervención, Blanco explicou que este persoal “poderá ser contratado a través dos entes públicos da Xunta que desenvolven o seu labor científico nos eidos da innovación e a sanidade, por un período de catro ou cinco anos dependendo do tipo de contrato”.
DESENVOLVEMENTO E INTERNACIONALIZACIÓN
“Esta nova norma permitirá abordar o reto de consolidar o desenvolvemento e a internacionalización da Comunidade galega, así como a importancia que ten fomentar a investigación para acadar unha economía de mercado máis competitiva e que permita unha maior creación de emprego”, sinalou.
Moisés Blanco explicou que este novo marco xurídico terá en conta “a importancia que ten o capital humano con maior formación de cara ao progreso e a mellora da calidade de vida dos cidadáns; ademais de atender as reiteradas demandas dos membros do colectivo de científicos españois no estranxeiro, e doutros colectivos sensibles ás devanditas demandas”.
SELECCIÓN DO PERSOAL
A selección deste persoal basearase nos principios de igualdade, pública concorrencia e competitividade, debendo terse en conta para a dita selección os diferentes regulamentos e procedementos de selección de persoal docente e investigador das universidades e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Ademais, contemplaranse as condicións de traballo do persoal investigado contratado e, sempre que sexa posible, a posibilidade de realizar estadías formativas noutros centros de I+D+I e transferencia tecnolóxica alleos e de prestixio.