Santiago, 24 de xaneiro de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe, co voto en contra de En Marea e BNG, e a abstención do PSOE, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a seguir traballando para facer realidade a dotación dun novo centro de saúde para o barrio da Falperra en A Coruña, nun espazo adecuado cedido polo Concello no actual edificio do Mercado de Santa Lucía.
Con esta proposición non de lei, o Grupo Popular trouxo ao Parlamento galego a solicitude da Asociación de veciños e comerciantes da Falperra, asinada por máis de 3.200 persoas, para dispoñer dun espazo adecuado para construír o centro de saúde no Mercado de Santa Lucía.
No escrito da Asociación de veciños e comerciantes esíxese “un cambio de actitude do alcalde de A Coruña, aberto ás propostas veciñais e a colaborar con lealdade coa Xunta de Galicia, que pretende realizar un investimento importante nun barrio da cidade tan necesitado dunha revitalización”.
OBSTÁCULOS DO CONCELLO
Deste xeito, o deputado popular Gonzalo Trenor considerou “absurda e que moi poucas persoas entenden” a actitude do Concello de A Coruña respecto do proxecto do centro de saúde. “Estamos diante dun goberno local que pon todos os obstáculos posibles para que as outras administracións non melloren as condicións de vida dos cidadáns desta cidade, dándolle igual que se trate dun centro de saúde, unha estación intermodal ou un programa para os desafiuzados”, lamentou.
“Porén, non son capaces de dar unha explicación de por que non se fan esas melloras, prexudicando a milleiros de persoas e veciños”, sinalou o deputado popular, quen manifestou que “a única explicación lóxica é que se están a priorizar os intereses particulares e non os dos veciños de A Coruña”.
Trenor criticou que o goberno de En Marea en A Coruña “leva xa tres anos cunha campaña de enganos e absurdos” respecto da construción do centro de saúde da Falperra, incidindo que “incluso se negan a recibir aos representantes cidadáns”.