16 de decembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a coordinar unha programación ao redor da figura de Carlos Oroza no ano do centenario do seu nacemento que axude a divulgar a vida e a obra deste poeta entre a poboación de Galicia.
O deputado popular Carlos Gómez Salgado lembrou que Carlos Oroza “viviu dos anos corenta aos setenta en Madrid, onde construíu o núcleo da súa obra: un extenso poema oral que dependeu sempre da súa oralidade radical”. Nos anos 80, e despois de pasar por Estados Unidos, elixiu a cidade de Vigo como a súa residencia definitiva ata a súa morte en 2015 aos 92 anos.
“Autor dunha obra reducida en número, defendía que a poesía debía ser interpretada, lonxe da cadea das páxinas de papel”, sinalou. Carlos Gómez apuntou que Oroza “foi un creador que non tivo adscrición a ningunha corrente estética en particular, xa que foi en todos os sentidos un autodidacta que creou un universo poético propio, fortemente enraizado no substrato galego e español”.
O SEU CARÁCTER E INFLUENCIA CONECTA COA ACTUALIDADE
O próximo ano coincide coa celebración do centenario do seu nacemento, “unha data moi oportuna para estudar, coñecer e analizar a obra deste escritor, pero tamén un bo momento para entender mellor os movementos e os estilos que o influenciaron”.
“O obxectivo desta iniciativa é achegar a todos os galegos un gran creador que, sen embargo, aínda é moi descoñecido para unha parte importante da poboación debido á vertente oral do seu traballo”, manifestou o deputado popular, quen avogou porque “se volva a sentir a influencia e a enerxía que desprendía Carlos Oroza nas súas interpretacións e performances”.
O deputado popular explicou que “o carácter e a influencia de Carlos Oroza conectan directamente co momento que estamos a vivir”. Así, destacou a súa faceta performativa, que o vincularon con outro tipo de artes, como as escénicas ou as musicais; a súa personalidade cosmopolita e integradora de culturas e tendencias artísticas; e o seu carácter aberto, transgresor e creativo, “que están moi en liña cos gustos actuais e cos gustos da xuventude, e que no seu día congregaron a un bo número de seguidores”.