Santiago, 20 de setembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta á desenvolver unha estratexia de defensa da postura de Galicia, manifestada polo Consello Galego de Pesca, diante do marco decisorio europeo para adecuar ás nosas necesidades a normativa de medidas técnicas aplicables á pesca.
O deputado popular Alberto Pazos explicou que a Unión Europea está a tramitar un novo regulamento de medidas técnicas máis simples para o sector pesqueiro, reducindo as normas sobre a conservación dos recursos e a protección dos sistemas mariños.
DÚAS PROBLEMÁTICAS
En concreto, Pazos sinalou que este documento presenta basicamente dúas problemáticas. A primeira está relacionada coas medidas da malla no enmalle, que farían que fose inviable a pesquería do xeito. Deste xeito, manifestou que “o noso obxectivo sería garantir que esta pesquería, que se realiza en todas as augas exteriores de Galicia, quedase excluída da aplicación deste novo regulamento, que se admitise que en augas interiores puidese haber unha talla menor ou que a talla non se modificase”.
“Ademais, entendemos que ese novo regulamento ten moitas cuestións mellorables, xa que nese afán de simplificación que ten a Unión Europea uniformízanse cousas que son diferentes e consideramos que deben ir máis en consonancia coa actividade que practica cada frota en cada caladoiro”, dixo Alberto Pazos.
Pazos manifestou que “o noso compromiso é aproveitar a posta en marcha deste novo regulamento para mellorar as capacidades de traballo dos profesionais do mar e favorecer os intereses da flota galega”.