Santiago, 29 de xuño de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta a que, no caso de que a avaliación dos resultados do proxecto piloto acrediten a efectividade do Programa Acude e Axuda, proceda a estendelo progresivamente ao conxunto do territorio da Comunidade galega.
A deputada popular Encarna Amigo afirmou que “as enfermidades cardiovasculares en Galicia son un problema de primeiro orde” e lembrou que “o 061 atende cada ano en Galicia arredor de 780 incidentes por morte súbita ocorridos fóra do hospital”.
DUPLICA A SUPERVIVENCIA
“Nestes casos, a probabilidade de supervivencia en persoas que foron reanimadas con masaxe cardíaca se duplica fronte a aqueles aos que non se lles aplicaron técnicas de reanimación cardiopulmonar”, sinalou
Deste xeito, Amigo manifestou que “a actuación precoz e con medios axeitados nunha parada cardiorrespiratoria condiciona o prognóstico en canto á recuperación da vida e á minimización das posibles secuelas”, polo que salientou a gran potencialidade do programa Acude e axuda para reducir os tempos para o inicio das manobras de reanimación cardiopulmonar.
O programa Acude e Axuda é un proxecto impulsado pola Consellería de Sanidade xunto coa Cruz Vermella de Galicia e a Sociedade Española de Cardioloxía para a atención precoz a todo o proceso de atención á parada cardiorrespiratoria fóra dos centros sanitarios e realizado por voluntarios acreditados.
Este proxecto pretende establecer un rexistro de persoas formadas en soporte vital básico para poder ser activadas en caso de estar próximas a un evento; así como un rexistro e localización dos desfibriladores semiautomáticos (DESA) para achegalos no menor tempo posible á persoa que o precisa.