Santiago, 6 de xuño de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que, paralelamente ao investimento público en tecnoloxía sanitaria, fomente e acolla de xeito complementario todas aquelas accións de mecenado que redunden nunha mellora do servizo ao paciente.
A deputada popular Encarna Amigo sinalou que “os sistemas de saúde actuais enfróntanse ao gran reto de manter e mellorar a calidade da asistencia sanitaria, nunha sociedade máis empoderada, cada vez máis envellecida e, como consecuencia, con máis enfermidades, o que conleva un maior gasto sanitario”.
CULTURA DO MECENADO
“Na maioría dos países avanzados existe desde hai anos a cultura do mecenado, que fai referencia ao compromiso que teñen as compañías non só cara aos empregados ou os accionistas, senón tamén coa sociedade en distintas actividades”, apuntou.
Neste sentido, Encarna Amigo subliñou os recentes exemplos de mecenado en Galicia por parte de persoas, empresas ou fundacións para a investigación sanitaria ou o tratamento de enfermidades raras ou oncolóxicas: Amancio Ortega, a Fundación María José Jove, o grupo Oncomet ou os premios internacionais de investigación oncolóxica Ramiro Carregal.
“Desde o PPdeG consideramos, como non podía ser doutro xeito, que todas estar aportacións teñen que representar un complemento ao financiamento público da sanidade galega”, manifestou a deputada popular.
Encarna Amigo incidiu que “queremos unha sanidade pública de calidade, na que as achegas que se fan a través do mecenado sexan un complemento a un investimento público en tecnoloxía, logo de que a Xunta estea a investir 78,5 millóns de euros en oito anos para a posta en marcha da maior renovación tecnolóxica sanitaria da historia”.