Santiago, 12 de decembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a implantar medidas deseñadas para a mellora da seguridade viaria dos usuarios máis vulnerables nas estradas autonómicas, como peóns, ciclistas e motoristas, habilitando sendas, instalando sistemas de protección dos motoristas, eliminando obstáculos e promovendo accións de formación e sensibilización.
A deputada popular Julia Rodríguez sinalou que “debemos levar a cabo actuacións que reduzan os riscos para ciclistas e motoristas, así como para minorar a entidade dos danos en caso de sinistro, eliminando obstáculos, colocando barreiras e proteccións axeitadas ou adecuando cunetas”.
NOVAS LIÑAS DE ACTUACIÓN
Neste sentido, lembrou que o Grupo Popular xa impulsou no Parlamento galego unha iniciativa con medidas específicas para a protección dos ciclistas. “Agora, queremos impulsar outras liñas de actuación, como a execución de sendas peonís e carrís-bici, ou a instalación de sistemas de protección dos motoristas, xunto coa concienciación dos usuarios para que leven a cabo unha condución máis responsable”, indicou.
“O obxectivo é reducir a sinistralidade nas estradas galegas e, sobre todo, o número de vítimas mortais e de lesionados graves, acandando os obxectivos marcados polo Plan de Seguridade Viaria 2016-2020”, dixo Julia Rodríguez.
REDUCIR AS VÍTIMAS MORTAIS
Este Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 persegue, segundo os obxectivos marcados pola Unión Europea e a ONU, que o número de vítimas mortais nas estradas galegas se reduza en 2020 á metade dos falecidos en 2011. Deste xeito, e no marco deste plan, xa se están a acometer actuacións dirixidas a mellorar a seguridade viaria nas estradas autonómicas, nunha rede que conta con máis de 5.500 quilómetros de lonxitude.
Máis en concreto, a Xunta está a acometer actuacións dirixidas á mellora da seguridade viaria tanto co plan de reforzos do firme, que aumenta a súa dotación no orzamento para 2018 de 15 a 20 millóns de euros, como no que corresponde ao plan de viabilidade invernal; a estratexia para a eliminación de treitos de concentración de accidentes, cun orzamento de 12’3 millóns de euros, así como o Plan de Sendas, dotado con 12 millóns de euros.