Santiago, 21 de febreiro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a incluír a construción modular de vivendas dentro do seu programa de vivenda de promoción pública, co obxectivo de avanzar na industrialización dos procesos de construción de vivendas e reducir prazos no proceso de construción de novas vivendas para os sectores máis desfavorecidos da poboación.
O portavoz de Vivenda do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, afirmou que o sector da construción modular “está en auxe en Galicia co nacemento de moitas empresas que están en pleno desenvolvemento e que desde as administracións poden axudar a impulsar a innovación e a aplicación de novas tecnoloxías”.
“Estamos a falar de construcións de vivendas que superan en calidade e controis ás tradicionais, que contan cun deseño competitivo e unha rapidez de execución”, sinalou Castiñeira.
Así mesmo, apuntou que as vivendas modulares “son entre un 10 e un 20 por cento máis económicas que as convencionais”, pero avanzou que “non se pretende substituír á construción tradicional, que debe seguir sendo a base da construción de vivendas de promoción pública”.
Jaime Castiñeira afirmou que “se trata de desenvolver novos e avanzados edificios con materiais modernos e duradeiros, cun modelo de construción coherente enerxeticamente, con menos residuos e edificios máis sostibles”.