Santiago, 14 de decembro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a continuar apoiando a cultura mariñeira, concretamente as embarcacións tradicionais e as carpinterías da ribeira, como posta en valor do patrimonio cultural e histórico de Galicia, con especial fincapé na declaración deste eido patrimonial como ben de interese cultural.
A deputada popular Teresa Egerique lembrou que a carpintería de ribeira e as súas técnicas construtivas están a ser obxecto do procedemento correspondente para ser declaradas ben de interese cultural, “xa que xuntan a técnica experta dos talleres, estaleiros e carpinterías co patrimonio cultural, incidindo na conservación e no fomento da historia de Galicia”.
MAIOR PROTECCIÓN
“Este recoñecemento outorgaralle a maior das proteccións á construción naval en madeira, co que adquirirá un valor singular maior, tanto para as embarcacións tradicionais como para todas as actividades económicas directamente relacionadas coa súa restauración e comercialización, como produto de alto interese turístico para Galicia”, sinalou.
Egerique manifestou que a Xunta “aposta pola dinamización e polo impulso da construción de embarcacións de madeira, xa que conxuga tradición e futuro facendo fincapé neste tipo de construción de embarcacións que fomentan as técnicas de navegación e dos oficios do mar”.
En concreto, apuntou que “máis de 2.000 embarcacións que faenan nas nosas augas están construídas en madeira, o que supón que máis do 30 por cento dos buques que traballan nas nosas costas son de madeira”.
PLAN ESTRATÉXICO
A deputada popular sinalou que a Consellería do Mar apoia o Plan Estratéxico da Carpintería de Ribeira, elaborado pola Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI) para afianzar a consolidación deste sector. “Este plan busca desenvolver todas as potencialidades da construción naval en madeira, á vez que se promoven as súas calidades cara un futuro máis sustentable, en consonancia cos obxectivos da Unión Europea”.
“O obxectivo é transformar a carpintería de ribeira nunha industria máis competitiva, innovadora e coas capacidades necesarias para facer fronte aos retos empresariais a medio e longo prazo”, sinalou .