Santiago, 17 de novembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta a Xunta a priorizar as actuacións de reforzo de firme das estradas de titularidade autonómica, de modo que se manteñan nun estado axeitado para o tránsito e se favoreza a seguridade viaria.
A deputada popular Julia Rodríguez sinalou que os miles de quilómetros que integran a rede de estradas de titularidade autonómica é “un patrimonio viario que hai que conservar e preservar, e que precisa dun importante esforzo inversor”.
MAIOR SEGURIDADE E SERVIZO
Estas estradas “precisan de conservación ordinaria para evitar o seu deterioro, pero tamén de actuacións extraordinarias de mellora dos seus elementos e da súa seguridade, así como de actuacións puntuais que permitan a circulación en condicións óptimas”.
“A conservación permanente das estradas non só permite que se atopen en bo estado para unha maior seguridade e mellor servizo aos usuarios, senón que, ademais, impide que se produza unha maior degradación das vías, que encarecería e dificultaría máis a súa reparación”, sinalou a deputada popular.
Julia Rodríguez concretou que o investimento do Plan de reforzo de firmes da Xunta “incrementouse sensiblemente entre os anos 2016 e 2017, sumando 36 millóns de euros licitados en obras que rehabilitan o firme de estradas autonómicas”.
De cara ao vindeiro ano 2018, a deputada salientou que a Xunta “incrementa a dotación para este plan de 15 a 20 millóns de euros, traballos que se complementarán coa conservación ordinaria da rede autonómica de estradas e o Plan de Vialidade Invernal, garantidos cunha partida adicional de máis de 23 millóns de euros.