Santiago, 2 de febreiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que insta á Xunta de Galicia a que na redacción do novo Plan Forestal de Galicia se sigan as directrices consensuadas polo Consello Forestal de Galicia.
O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González, lembrou que o actual Plan Forestal data do ano 1992, polo que ten 25 anos de vixencia e precisa unha actualización. “Desde o Grupo Popular, apoiamos un plan no que na súa redacción haxa unha forte participación do sector”, apuntou.
ADECUARSE ÁS DIRECTRICES
Deste xeito, González defendeu que o novo Plan Forestal se adecúe ás directrices marcadas polo Consello Forestal, un órgano consultivo e de asesoramento da Xunta de Galicia no que están presentes representantes da Administración galega, das organizacións sindicais, das asociacións de consumidores, dos colexios profesionais de enxeñeiros de montes e forestais, das universidades e expertos de prestixio profesional no sector.
“Queremos que na elaboración do novo Plan Forestal se conte co sector, e todo o sector está representado no Consello Forestal”, subliñou o portavoz popular.
Así mesmo, José González lembrou que “o modelo de Plan Forestal xa quedou fixado no 2015 coas directrices fixadas polo grupo de traballo do Consello Forestal que ao longo de todo ese ano traballou e estudou a situación na Comunidade galega. “Para nós, é fundamental que o Plan Forestal se adecúe a esas directrices xa fixadas”, indicou.