Santiago, 23 de xaneiro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular en En Marea, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a rematar no prazo máis breve posible as prospeccións e recollida de mostras dos solos contaminados con lindano no lugar de Contrasto en Porriño, de xeito que, unha vez coñecidos os resultados do estudo e localizadas as zonas contaminadas, se realice en colaboración co Concello un proxecto de descontaminación no primeiro trimestre deste ano, proxecto que deberá executarse ao longo de 2018.
O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, subliñou que esta proposición non de lei “reafirma o consenso xa acadado no Parlamento galego sobre este problema hai un mes”.
EVITAR RISCO PARA AS PERSOAS
“O que queremos desde o PPdeG é que este estudo se remate no prazo máis breve posible, logo de que as catas xa comezaran no día de hoxe, para coñecer a dimensión da actuación necesaria e proceder á redacción do proxecto para a recuperación e limpeza dos solos”, dixo Trenor.
Neste sentido, apuntou que neste momento “é complicado cuantificar actuacións que aínda non están definidas nin consensuadas”, polo que considerou que “o máis lóxico é facelo cos datos e conclusións que se deriven do estudo que se está a facer, que servirá de base para redactar o proxecto, en colaboración co Concello de O Porriño, e fixar a planificación, organización e cuantificación de todas as actuacións e medidas necesarias”.
O acordo acadado hoxe incorpora, ademais, adoptar as medidas preventivas necesarias para evitar riscos para a saúde das persoas; realizar un estudo da presenza de lindano en todo o concello de Porriño e na súa contorna; dirixirse ao Estado para solicitar a colaboración e apoio económico para a localización e retirada do lindano; realizar análiticas á veciñanza posiblemente afectada; e garantir o subministro de auga potable á poboación afectada.