Santiago, 27 de abril de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe as resolucións aos informes de fiscalización ao sector público de Galicia do Consello de Contas de Galicia. Entre as medidas incorporadas figuran as propostas do Grupo Popular para solicitar á Xunta que valore a concesión de subvencións aos concellos que incumpran os prazos de pago a provedores, ou que poña a disposición das deputacións provinciais os medios e eficacia da Axencia Tributaria de Galicia para a xestión recadatoria de impostos.
A portavoz do Grupo Popular para as relacións co Consello de Contas, Cristina Romero, manifestou que “confiamos no traballo feito pola institución e na súa imparcialidade e independencia, polo que consideramos que as actuacións de fiscalización corresponden a criterios obxectivos e profesionais”.
ESCOITAR E APLICAR
Por este motivo, explicou que o Grupo Popular “presentou só tres recomendacións ao plan de traballo do Consello de Contas, fronte a 16 propostas de resolución extraídas dos seus informes de fiscalización do sector público de Galicia”. “Presentamos moi poucas recomendacións ao plan de traballo e, porén, presentamos moitas propostas de resolución en función deses informes, porque preferimos escoitar e aplicar o que di o Consello de Contas”, apuntou.
“Das recomendacións formuladas polo grupos da oposición e das súas intervencións despréndese que non confían no criterio técnico, profesional e independente de selección que fai o Consello de Contas á hora de determinar que entidades, planes, programas, contratos ou fondos fiscalizar; e tampouco se fían do criterio de selección do resto das iniciativas de actuación fiscalizadora”, sinalou.
Deste xeito, concretou que “o posicionamento do Grupo Popular ante as recomendacións do resto dos grupos obedece ao principio de mínima interferencia coa actividade independente do órgano fiscalizador”.
OUTRAS PROPOSTAS
Respecto das propostas de fiscalización, Cristina Romero explicou que no ámbito sanitario “pedimos reforzar o control financeiro continuo, incorporando interventores nas áreas sanitarias; que se introduza a contabilidade de custos; que os indicadores dos obxectivos dos programas de gasto sanitario estean ligados ao Plan Estratéxico para medir mellor o seu cumprimento; e diferenciar nos orzamentos a partida de farmacia hospitalaria e a partida do gasto farmacéutico dispensado polas oficinas de farmacia”.
Tamén se incorpora, a iniciativa do Grupo Popular, que se conclúa o proceso de reorganización da Axencia Galega de Sangue e Tecidos, para reducir a temporalidade dos recursos humanos; ou que se incorporen os sistemas de seguimento e de coordinación que recomenda o Consello de Contas.