Santiago, 7 de xuño de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancia do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno galego a establecer un marco de diálogo e colaboración estable cos concellos galegos durante todo o proceso de planificación do novo mapa de transportes por estrada, co obxectivo de que os novos servizos a implantar respondan con maior eficacia ás necesidades reais dos cidadáns. Así mesmo, solicítase a participación activa das deputacións provinciais na definición deste novo mapa de servizos de cara a un posible reforzamento e mellora dos servizos de transporte público por estrada.
O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, explicou que o Goberno galego “atópase neste momento nunha completa transformación do transporte público por estrada, co obxectivo de incrementar a calidade do servizo e ofrecer unha mellor cobertura territorial, especialmente no rural”.
COMPETITIVO, EFICIENTE E ÚTIL
“Este inxente e transcendente traballo faise co obxectivo claro de que os cidadáns dispoñan dun transporte público competitivo, eficiente e útil, que responda ás súas demandas e necesidades de desprazamento”, engadiu. Ademais, manifestou que este novo transporte público deseñarase “para garantir a igualdade de oportunidades a todos os cidadáns, independentemente do territorio onde vivan, favorecendo a integración, a accesibilidade e o desenvolvemento de todo o territorio”.
Máis en concreto, Fernández Prado indicou que na primeira fase do plan de transporte, que se porá en marcha o vindeiro mes de agosto, establécese unha tarifa comarcal de 1,40 euros para os viaxeiros do transporte regular e suporá que os autobuses case tripliquen os quilómetros de percorrido e dupliquen o número de paradas en Lugo e Ourense.