Santiago, 18 de xaneiro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe, a iniciativa do Grupo Popular, solicitar á Xunta que poña en marcha novas medidas que intensifiquen as relacións de colaboración entre os profesionais da cociña e do sector artesanal, tendo en conta a enorme visibilidade que están a ter os cociñeiros galegos e as grandes sinerxías que poden crear para outros sectores como o artesanal, converténdose en escaparates excelentes da marca Artesanía de Galicia.
A portavoz de Turismo do Grupo Popular, Cristina Romero, considerou que esta iniciativa constitúe “unha boa oportunidade de colaboración e de busca de sinerxias entre estas dúas disciplinas para potenciar o talento e a mellora da competitividade deste sector”.
PLUS DE CALIDADE
“A artesanía e a gastronomía son parte fundamental da nosa cultura e á súa vez son dous sectores creativos en crecemento que gozan dun grande prestixio”, salientou o portavoz popular, quen apuntou que “a relación e a colaboración entre estes dous sectores suporía un plus de calidade no servizo de restauración, para as empresas artesáns e na percepción do turista”.
Cristina Romero afondou sobre as posibilidades de continuar estreitando lazos entre ambos sectores e afondar na posta en valor da artesanía no eido da gastronomía e a restauración. En concreto, citou a creación de novos proxectos de colaboración no deseño de produtos para a nova cociña e na reinterpretación ou novos usos de elementos tradicionais da nosa artesanía; a aposta pola innovación, deseño e creatividade con experiencias en novos soportes e novos materiais; a captación de novos sectores de artesanía no vinculados ata o de agora ao sector da gastronomía e da restauración; a busca de novos nichos de mercado máis aló das nosas fronteiras; ou a difusión de boas prácticas e visibilidade en medios de comunicación e redes sociais.
“Existen moitos subsectores da artesanía galega que casan perfectamente co mundo da gastronomía, producíndose un importante nicho de mercado para os nosos artesáns que é preciso promover, potenciar e intensificar”, indicou.