Santiago, 5 de abril de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei conxunta de todos os grupos parlamentarios a través da que se demanda ao Goberno central diversas actuacións de mellora da estrada N-550, atendendo a solicitude realizada pola asociación Pedaladas.
En concreto, a proposición non de lei demanda:
· A creación de beiravías transitables do maior ancho posible, dende a estación de servizo Repsol ata o cruce da EP-0105.
· Que se instale sinalización vertical coa obriga de adiantar afastándose 1,5 metros dos ciclistas e da advertencia da súa presencia, cando menos, cada 2 quilómetros no tramo Bértola-Pontevedra.
· Que se estableza a redución da velocidade a 50 km/h no tramo de concentración de accidentes e nos lugares onde estea permitido o estacionamento de vehículos.
· Que se adecúe a N-550 aos preceptos do Regulamento Xeral de Circulación de 2003, especialmente aos artigos 50 e 90 sobre estacionamento e parada dos vehículos na vía pública.
· Que se mellore a iluminación da estrada N-550.
· Que se busque fórmulas de fomento de uso da estrada AP-9 no tramo Vilaboa-Pontevedra para reducir a cantidade de tráfico da N-550 e, polo tanto, do risco de atropelo.
· E que se fomente que a vía verde sexa unha prioridade para a mobilidade en bicicleta e un atractivo turístico para a comarca, cedendo ADIF de vías de tren sen uso do tramo Pontevedra-Pontesampaio.
O deputado popular Jacobo Moreira lembrou que “deste xeito aténdese a petición formulada pola asociación de ciclistas Pedaladas, na xuntanza que mantivemos en Pontevedra”. Neste sentido, recoñeceu que, “malia os esforzos e melloras feitas polo Ministerio de Fomento nos últimos anos, esta estrada resulta especialmente perigosa para os ciclistas e peóns polo tránsito que ten, especialmente vehículos pesados”.
“É unha situación temporal, que se mitigará cando se poña en marcha a A-57, cuxo primeiro tramo entre Vilaboa e A Ermida, está actualmente en construción, cunha inversión de 75 millóns de euros”, subliñou o deputado popular. Así mesmo, indicou que “a futura rede de enlaces en Vilaboa coa AP-9 permitirá reducir a circulación de vehículos sobre a N-550”.