Santiago, 21 de outubro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio dos deputados do BNG, a través da que se insta á Xunta a habilitar, en colaboración coas universidades galegas, mecanismos que reforcen a formación integral e a empregabilidade dos estudantes galegos a través dunha implantación progresiva de títulos de grao ou de master con Mención Dual, que atenda ás necesidades do tecido socioprodutivo de Galicia e mellore os futuros perfís profesionais.
“Consideramos que é un asunto importante para mellorar a inserción laboral dos estudantes universitarios a través da mellora da súa formación práctica e transferindo o coñecemento das empresas e institucións ao alumnado”, sinalou o portavoz popular de Educación, Ovidio Rodeiro.
Na súa intervención, Rodeiro salientou que “a FP Dual está a funcionar e acadar bos resultados de inserción laboral”, polo que considerou “unha oportunidade lograr unha universidade galega máis conectada á realidade empresarial”.
EXPERIENCIAS PROFESIONAIS
Neste sentido, apuntou que a Xunta e as universidades de Santiago, Vigo e A Coruña “levan varios anos traballando na racionalización e modernización da oferta de titulacións universitarias en Galicia”. Este traballo tivo como resultado a elaboración do acordo marco para un novo mapa de titulacións do sistema universitario de Galicia para o período 2022-2026, dando continuidade ao realizado entre 2017 e 2021.
“Ademais de avanzar na variedade da oferta formativa, consideramos que, de xeito complementario, as titulacións universitarias poden verse reforzadas con experiencias que sumen ao ámbito académico e empresarial”, indicou Ovidio Rodeiro. Así, explicou que “se trata de potenciar a formación práctica en centros de traballo para os estudantes universitarios, co obxectivo de mellorar os perfís profesionais e poder dar resposta ás novas necesidades da sociedade e do mercado laboral”.
O Grupo Popular defende que o Goberno galego e as universidades avancen na formación integral e na empregabilidade dos universitarios a través da Mención Dual en títulos universitarios implantados en Galicia. “Ademais de impulsar os trámites precisos para determinar que títulos de grao ou master serían os máis axeitados para a Mención Dual, faise preciso establecer canles de colaboración co tecido socioprodutivo de Galicia para acertar no proxecto formativo común entre o centro universitario e a entidade colaboradora”, sinalou.