O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España a inmediata incorporación das Comunidades Autónomas no proceso de modificación da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, garantindo a súa participación efectiva desde a fase inicial dos traballos e o pleno respecto ás súas competencias en materia de execución da lexislación laboral e de promoción da seguridade e saúde no traballo.
A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, considerou “grave que o Goberno de Pedro Sánchez pretenda reformar a Lei de prevención sen sentar na mesa ás comunidades autónomas, especialmente a Galicia, que sabe mellor ca ninguén o que é traballar e producir en sectores de alto risco”.
MESA DE DIÁLOGO SEN AS CCAA
Noelia Pérez lembrou que o Goberno de España, a través do Ministerio de Traballo, decidiu abrir unha mesa de diálogo social para reformar a Lei de prevención de riscos laborais na que estarán presentes representantes do propio Goberno, dos sindicatos estatais e da patronal. “Faltan as comunidades autónomas, quen realmente ten as competencias de execución, quen ten os institutos propios de seguridade e saúde laboral, quen ten técnicos en cada unha das especialidades preventivas e que está a pé de rúa cos traballadores”, dixo.
Neste sentido, apuntou que “o Goberno central negou ás comunidades autónomas a participación directa nesta mesa de diálogo social, permitíndolles unicamente enviar un documento por escrito”. “Galicia fixo os seus deberes e revisou artigo por artigo tanto a lei como o regulamento para facer achegas serias, técnicas e fundamentadas, pero queda a sensación de que o Goberno de Pedro Sánchez quere baleirar as comunidades autónomas de contido real nesta materia para recentralizar e decidir todo desde un despacho de Madrid, quedando as comunidades como meras executoras mudas dun guión escrito por outros”, sinalou a portavoz popular.
“O máis curioso é que a propia Estratexia española de seguridade e saúde no traballo 2023-2027 recoñece que as comunidades autónomas son peza clave neste ámbito, que deben desenvolver os seus programas estratéxicos propios e que todo isto debe facerse en cooperación e coordinación institucional”, dixo Noelia Pérez.
En definitiva, a iniciativa aprobada solicita “respecto institucional para que as comunidades autónomas participen no proceso de modificación da Lei de prevención e riscos laborais, de xeito que non se faga ás súas costas e que Galicia, que ten unha estrutura produtiva de alto risco, unha experiencia preventiva acreditada e un instituto punteiro como o ISSGA, poida estar onde ten que estar”, remarcou a portavoz popular.