Santiago, 19 de maio de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda da Administración Xeral do Estado e o Goberno de España que rexeiten a tramitación da proposición de Lei de medidas urxentes para a consolidación dos funcionarios interinos da administración local con habilitación nacional e convoquen e cubran anualmente un maior número de prazas de funcionarios de cada unha das subescalas pertencentes ao corpo de funcionarios de administración local con habilitación nacional.
A deputada popular Ana Belén García Vidal lembrou que a proposición de lei de medidas urxentes para a consolidación dos funcionarios interinos da administración local con habilitación de carácter nacional, rexistrada no Congreso polo Grupo Parlamentario de Esquerda Confederal, “vulnera de maneira frontal varios artigos da Constitución, porque deixa a un lado os principios de mérito, capacidade e publicidade para o acceso ao exercicio da función pública”.
GRAVE ATENTADO CONTRA O PRESTIXIO DOS FUNCIONARIOS
“Non parece moi xusto que se pretenda consolidar a un funcionario interino como se fose un funcionario de habilitación nacional, cando as probas que tiveron que pasar non son en absoluto equiparables”, sinalou García Vidal. En concreto, apuntou que a proposición de lei presentada nas Cortes Xerais permitiría o acceso con carácter definitivo ao corpo de funcionarios de administración local con habilitación nacional a través de procesos de consolidación, cunha antigüidade de tan só tres anos, e cun simple concurso, “o que supón un grave atentado non só contra o prestixio destes funcionarios, senón aos principios e garantías do Estado de Dereito”.
Diante desta situación, a deputada popular considerou “absolutamente necesario que desde o Goberno de España se oferte, convoque e cubra anualmente un maior número de prazas de funcionarios de cada unha das subescalas pertencentes ao corpo de funcionarios da administración local con habilitación nacional”.
“O número de prazas convocadas nos últimos anos son insuficientes tendo en conta as prazas vacantes e as necesidades dese corpo detectadas nos concellos”, asegurou. Así, concretou que a día de hoxe existen en Galicia 158 vacantes que non dispoñen de titular con carácter definitivo e están pendentes de convocar varios procesos selectivos derivados de ofertas de emprego público de anos anteriores.