O Parlamento aprobou, hoxe, reclamar ao Goberno central a publicación inmediata do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, xa que, tal e como advertiu o portavoz de Vivenda e Urbanismo do Grupo Popular, Moisés Rodríguez, o atraso está a xerar unha situación de incerteza que pode comprometer a continuidade das convocatorias xa en marcha polo Executivo galego.
Durante a súa intervención na Comisión 2ª, o parlamentario popular recordou que o plan caducou en 2025 e que, a día de hoxe, a Administración central aínda non informou de ningunha data: “Non hai plan nin calendario nin comunicación algunha”. Para Moisés Rodríguez, 2026 leva camiño de ser un ano perdido a efectos da aplicación do plan de vivenda. E é que, tal e como apuntou, no escenario máis optimista, as Comunidades non poderán convocar ata o último semestre do ano axudas do bono alugueiro mocidade, para a adquisición de vivendas por menores de 36 anos, para a promoción de vivenda protexida por promotores privados, para a rehabilitación ou a eficiencia enerxética.
PROPAGANDA, CERO FEITOS
“Propaganda, cero feitos”, dixo Moisés Rodríguez, quen informou de que “este atraso implica que Galicia non poida mobilizar este ano 80M€. Así, salientou a “situación preocupante”, ao indicar que se iniciou un novo período de programación, sen que se dispoña dun marco estatal claro, consensuado e operativo.
Tras recordar que a lei do Goberno central nacera coa promesa de conter os prezos, garantir o acceso á vivenda, ampliar o parque de alugueiro e protexer aos inquilinos; sinalou que a realidade é ben distinta: prezos máis caros, menor oferta e unha fonda inseguridade para propietarios e inquilinos.
Para rematar, o deputado popular contrapuxo a parálise do Executivo de Pedro Sánchez co Goberno galego, o cal, antes de que remate este primeiro trimestre, terá activadas todas as axudas financiadas con fondos da Comunidade.