Santiago, 15 de decembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se pide ao Ministerio de Agricultura un incremento substancial das soltas experimentais do insecto parasitoide Torymus sinensis co obxectivo de loitar biolóxicamente contra a praga da avespa do castiñeiro. Así mesmo, de cara ao futuro e de acordo cos produtores de castaña, demándase ao Ministerio a liberalización das soltas e da produción de Torymus sinensis.
O portavoz do Medio Rural, José González, lembrou que a Estación Fitopatolóxica de Areeiro leva realizando ensaios desde o ano 2014 para a implantación dun programa de loita biolóxica contra a avespa do castiñeiro mediante a solta do insecto Torymus sinensis. Neste sentido, sinalou que, “ao tratarse dun parásito procedente de Asia, tívose que facer unha solta controlada ante o perigo de que puidese afectar tamén á fauna autóctona e facer un estudo de loita adaptado ás condicións específicas galegas”.
“Unha vez constatado que o parásito non era perigoso para a fauna galega, neste ano liberouse unha poboación de máis de 130.000 individuos de Torymus sinensis en toda Galicia, duplicando a solta realizada en 2016”, explicou José González. De cara ao vindeiro ano, manifestou que a Xunta ten previsto un orzamento de 680.000 euros para a loita contra a avispiña do castiñeiro.
Así mesmo, o portavoz popular considerou necesario que o Ministerio de Agricultura “incremente substancialmente o vindeiro ano a solta experimental de Torimus sinensis, ao tempo que autorice no futuro a liberalización de soltas e a produción deste insecto para loitar contra a avespa do castiñeiro”.
GALICIA, PRINCIPAL PRODUTORA DE CASTAÑA
Galicia é a principal comunidade autónoma en produción e exportación de castañas, superando o pasado ano unha produción de 20 millóns de quilogramos, que se traduciron en máis de 30 millóns de euros pagados aos produtores e que xeraron un valor superior aos 70 millóns de euros en comercialización unha vez transformados.
“Estamos a falar de cifras económicas moi importantes e que, sen dúbida, motivan a nosa consideración da castaña coma unha produción estratéxica dentro do noso rural, ao que se suman os valores ecolóxicos e culturais que aportan á nosa sociedade as formacións arboradas de castiñeiro”, manifestou José González.