19 de abril de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se reclama ao Goberno central que resolva a situación do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física (CAMF) de Ferrol, cubrindo de xeito inmediato os postos vacantes existentes, dotando postos de traballo fixos para reducir a contratación temporal, e acometendo as reformas precisas para renovar as infraestruturas e medios técnicos.
A deputada popular Rosalía López explicou que o CAMF de Ferrol, cunha capacidade para 110 prazas residenciais e 10 prazas de día, responde á necesidade de impulsar a calidade dos servizos sociais para atender ás persoas en situación de dependencia e as súas familias, brindando apoio ao movemento asociativo deste colectivo. Este centro presta unha atención directa, de carácter especializado e integral ás persoas con discapacidade física e en situación de dependencia, con servizos en réxime de internado ou de atención diúrna, dende un enfoque socio-sanitario e de asistencia, debendo contar para elo cun amplo equipo multidisciplinar con experiencia nas distintas áreas de intervención.
PARCHES CO PERSOAL
Porén, Rosalía López lamentou que “o persoal está baixo mínimos, xa que 25 dos 168 postos da plantilla están vacantes e, en lugar de cubrilos con interinos, estase a facer fronte ao problema con contratos eventuais entre 1 e 6 meses e contratos de menos de 15 días, chegando a realizarse máis de mil contratos nun ano”. Diante desta situación, dixo que “os traballadores insisten en que os contratos eventuais son só parches, avogando por cubrir as vacantes con traballadores interinos á espera de que se resolvan os distintos procesos selectivos para adxudicar esas prazas”.
Así mesmo, indicou que “as infraestruturas deste centro teñen máis de 30 anos e en todo este tempo non se acometeu reforma integral algunha que adaptara a instalación ó que tería que ser un centro adaptado ás actuais esixencias necesarias para un servizo tan especializado, a adaptalo aos novos estándares de confort e eficiencia enerxética nos que as administracións públicas debería ser exemplares”.
Rosalía López concretou que “nos últimos anos só se investiron preto de 250.000 euros na compra de material, pero nada se fixo no que atinxe aos servizos do edificio: dos seis ascensores que ten o centro, só funcionan tres; fai falta executar os proxectos elaborados para a zona de enfermería, farmacia, fisioterapia e terapia ocupacional; hai que reformar a cociña; é necesaria unha sala de curas; e, o máis importante, non se fixeron as correspondentes obras para a mellora da eficiencia enerxética”.