22 de xuño de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno de España que solicite da Unión Europea a necesidade de ampliar os criterios que se teñen en conta para a declaración de zona escasamente poboada, incorporando a taxa de envellecemento, a dispersión poboacional, entre outros, de tal xeito que Galicia poida ter acceso aos beneficios e recursos públicos que esta consideración trae aparellados.
O Parlamento Europeo aprobou o pasado 14 de febreiro de 2019 o novo regulamento de disposicións comúns para o reparto dos futuros fondos europeos, que recoñece, por primeira vez, o despoboamento e os criterios que definen as áreas con desvantaxes e desafíos naturais ou demográficos.
“Este recoñecemento é un fito na loita contra o despoboamento que se acadou gracias ás alegacións presentadas naquel momento polo vicepresidente do Parlamento Europeo, o popular Ramón Valcarce, e respaldadas por unanimidade polos eurodeputados españois tanto do PP como do PSOE”, manifestou a deputada popular Raquel Arias.
CRITERIOS ESTRITOS
Porén, lamentou que Galicia non poida acceder a estas axudas da Unión Europea “porque os criterios son tan estritos que no conxunto de España só Teruel, Cuenca e Soria teñen a consideración europea de zonas escasamente poboadas”. En concreto, explicou que as directrices sobre as axudas estatais de finalidade rexional, publicadas pola Comisión Europea en abril de 2021, establecen como zonas de pouca poboación aquelas comunidades con menos de 8 habitantes por quilómetro cadrado ou as provincias con menos de 12,5 habitantes por quilómetro cadrado.
“No caso de Galicia quedaríamos moi lonxe destas cifras, xa que a provincia galega con menor densidade de poboación é Lugo, que supera os 32 habitantes por quilómetro cadrado; e o conxunto da Comunidade galega ten unha densidade de poboación de 91 habitantes por quilómetro cadrado”, concretou, aínda que manifestou que “máis de 40 concellos galegos están por baixo da barreira de 12,5 habitantes por quilómetro cadrado”.
Raquel Arias lamentou que “Europa non teña en conta para a esta clasificación criterios como o sobreenvellecemento ou a dispersión poboacional, que claramente supoñen un sobrecusto na prestación dos servizos; e tampouco se valoren outros criterios como a baixa natalidade”.