Santiago, 16 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular na que se insta á Xunta de Galicia a que estableza unha liña de axudas que permita ás comunidade dos montes veciñais en man común sufragar o custo de facer os deslindes.
A deputada popular Raquel Arias lembrou, durante a defensa da iniciativa, que os montes en man común son “unha figura tipicamente galega, que ten regulamento propio, e da que procede a meirande parte da madeira que se produce na comunidade”. “Sen embargo, a maior parte deles están sen deslindar o que dificulta ou impide o seu aproveitamento”, apuntou.
IMPORTANTES AVANCES
Arias indicou que o establecemento desta liña de axudas para deslindar os montes en man común suporá un aforro importante para as comunidades e ademais permitirá “ampliar os usos e aproveitamentos do propio monte”, porque o deslinde “é fundamental para calquera actividade que se faga, desde a propia elaboración dos plans de ordenación forestal ata a tala de madeira”.
A deputada popular recoñeceu “os importantes avances” efectuados nos últimos anos sobre a normativa que estrutura o sector forestal de Galicia, como a Lei de montes, os decretos de aproveitamentos forestais ou mesmo, entre outros, a revisión do Plan Forestal de Galicia, actualmente en proceso, pero incidiu en que hai que seguir avanzando polo “papel fundamental que desempeña dende o punto de vista económico medioambiental, social e cultural”.
“Estamos a falar, en números redondos, de en torno a 3.000 empresas, dunha facturación de máis de 1.900 millóns de euros e de 60.000 postos de traballo”, manifestou.
NORMATIVA
Raquel Arias puntualizou, así mesmo, que, aínda que o dereito a deslindar o monte sempre o tiveron as comunidades propietarias, a Consellería do Medio Rural tiña asignada esta función en virtude da Lei 13/1989.
Sen embargo, “comprobouse que este procedemento non era efectivo nin ben aceptado polos interesados, polo que se realizaron varias modificacións na normativa para poder dotar de axudas ás comunidades de montes e que os deslindes non os fixera a Xunta”.