O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a elaborar unha guía que homoxeneice en todas as áreas sanitarias galegas o protocolo de atención aos nacementos por cesárea para permitir o acompañamento no parto da persoa que a nai decida e para posibilitar o contacto pel con pel continuado co recén nado.
“Ninguén dubida de que a humanización na sanidade é de suma importancia, xa que busca poñer o centro de atención nas persoas que están a recibir os coidados médicos”, manifestou a portavoz popular de sanidade, Encarna Amigo. Así, apuntou que “a humanización na sanidade tamén implica coidar e apoiar aos familiares dos pacientes, porque comprender as súas preocupacións e necesidades e proporcionarlles información clara e comprensible pode axudar a aliviar a súa angustia emocional e promover a colaboración entre o equipo médico e a familia”.
POLÍTICAS DE HUMANIZACIÓN
A portavoz popular lembrou que a Xunta leva anos poñendo en marcha diferentes liñas de actuación de cara a mellorar a accesibilidade, o trato e a calidade asistencial no Servizo Galego de Saúde implementando políticas de humanización na organización. En concreto, un exemplo desta política é a Estratexia de Humanización da asistencia sanitaria do Sergas, un documento que, entre outras medidas, inclúe varios avances na humanización da atención ao parto, como a xeneralización dos plans de parto ou o acompañamento psicolóxico e emocional na detección de patoloxía fetal ou na atención á morte perinatal.
“Pero sempre quedan avances pendentes e cousas por facer e, deste xeito, nos últimos meses diferentes áreas sanitarias foron implantando distintos protocolos na atención ao nacemento por cesárea”, dixo Encarna Amigo. Neste sentido, explicou que estes protocolos “buscan estandarizar e normalizar a cesárea con acompañante nos quirófanos e o contacto pel con pel do recén nado, facilitando a satisfacción das pacientes e das súas familias”.
Na actualidade, dos 14 hospitais existentes dentro da rede sanitaria pública de Galicia, todos eles teñen protocolos de atención ao parto normal, pero non todos recollen os mesmos aspectos de humanización de atención ao parto e puerperio. Así, todos permiten o acompañamento da muller por unha persoa da súa elección durante a dilatación e expulsivo, pero no caso de que o parto sexa instrumentalizado ou finalice vía cesárea só o Hospital do Salnés, o Hospital de Santiago e o Hospital Materno de A Coruña permiten que a muller estea acompañada pola persoa que ela elixa durante a cesárea programada en quirófano e, posteriormente, durante a recuperación poscesárea.