O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a formalizar a colaboración en materia de protección do patrimonio cultural entre a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para mellorar a protección e salvagarda do bens culturais de Galicia.
O deputado popular José Luís Ferro afirmou que “para que a colaboración entre estas dúas direccións xerais sexa máis precisa e eficaz débese formalizar e protocolizar, establecendo as actuacións da policía autonómica a prol dun eficaz cumprimento da normativa sobre protección do patrimonio cultural de Galicia derivado da lexislación galega vixente”.
“Con este instrumento poderemos garantir un axeitado coñecemento do marco legal de aplicación por todos os implicados e incrementar a calidade na prestación deste servizo público, que ambas unidades directivas consideran de especial preocupación e sensibilidade”, indicou Ferro.
AMPLA COLABORACIÓN
En concreto, apuntou que as actuacións de colaboración poderían abarcar desde a vixilancia e control dos bens de patrimonio cultural e do seu ámbito de protección; ata indentificación dos presuntos responsables das actuacións irregulares; así como as pescudas para reunir probas e información; apoio policial na paralización de obras ilegais; colaboración nos casos de emerxencia; control dos rexistros obrigatorios para as entidades dedicadas ao comercio de bens do patrimonio cultural; ou a vixilancia das actuacións realizadas nos ámbitos de protección dos Camiños de Santiago.
Para o desenvolvemento de todas estas actividades, o deputado popular indicou que a Dirección Xeral de Patrimonio “poñerá a disposición da Policía Autonómica o inventario de bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia”, ao tempo que a colaboración tamén implicará o asesoramento técnico e xurídico necesarios para facer unha mellor planificación e coordinación das actividades entre os responsables da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e os da Policía Autonómica, establecéndose así unhas canles áxiles e continuas de comunicación.