Santiago, 5 de outubro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a regular unha prestación que cubra os gastos de aloxamento e dietas das persoas con enfermidades raras, pendentes de diagnóstico ou confirmación do mesmo, cando son derivadas a través do procedemento regulamentario establecido a outras comunidades autónomas, e deste xeito sexa efectivo o dereito a esa asistencia sanitaria. Así mesmo, pídese que se actualicen os criterios e importes recollidos na orde do ano 2001 pola que se regulan as prestacións económicas previstas para os desprazamentos fóra da provincia, co obxectivo de dar resposta ás necesidades actuais.
A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo explicou que “falamos de enfermidade rara cando a prevalencia é menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes”. “Tanto o Goberno galego como o Grupo Popular temos un claro compromiso con todas estas persoas”, sinalou. En concreto, referiuse aos decretos aprobados na pasada lexislatura a través dos que se regula o rexistro de pacientes con enfermidades raras e se crea a Comisión galega das enfermidades raras.
Ademais, apuntou “o compromiso asumido nesta lexislatura de crear unidades funcionais multidisciplinares que proporcionen atención especializada aos pacientes con enfermidades raras e garantan uns tempos máximos para as súas consultas e probas”. Ata o momento, a Xunta puxo en marcha tres unidades funcionais multidisciplinares en Vigo, A Coruña e Santiago.
Rodríguez-Vispo salientou que a aprobación da Estratexia galega de enfermidades raras 2021-2024 “vai permitir o acompañamento preciso do paciente desde que entra no sistema en busca dun diagnóstico ata que atopa un tratamento e un seguimento axeitado á súa doenza”.