Santiago, 16 de outubro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición no de lei do Grupo Popular a través da que se reclama ao Goberno central que propoña a Bruxelas un plan de recuperación da cigala para o Golfo de Biscaia e augas ibéricas, que contemple aspectos como o establecemento dun TAC anual, que permita a apertura e explotación da pesquería en condicións sostibles e acordes cunha análise rigorosa do estado do recurso, así como a adecuación de medidas técnicas de explotación que acompañen esta apertura, de xeito que se materialice a vontade de adecuación ao estado do recurso que o sector ten.
En concreto, Alberto Pazos manifestou que “sería conveniente o establecemento dun límite máximo de capacidade e esforzo pesqueiro, de vedas espazo-temporais para a protección das femias reprodutoras, maior supervisión dos desembarques de cigala, así como o establecemento dun procedemento para a mellora da recompilación de datos científicos e dun procedemento para a revisión anual da poboación da cigala”.
ÍNDICES DE ABUNDANCIA COMERCIAIS
O deputado popular entende que “se debe proceder á reapertura da pesquería da cigala para a área CIEM VIIIc, posto que desde 2007 a avaliación do estado desta especie na FU25 tense baseado na tendencia de índices de abundancia comerciais”.
“Os índices de abundancia aportados polo sector foron considerados relevantes para o coñecemento do estado do stock e, dado que non existen índices de abundancia de campañas científicas apropiados para a cigala no caladoiro Cantábrico-Noroeste, o ICES recomendou que se continúe esta serie histórica de índices comerciais, o que permitirá o seguimento do estado da poboación e levar a cabo unha futura avaliación do stock”, sinalou.