O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) que permita a tramitación dos plans básicos municipais tendo en conta a normativa galega que regula os núcleos rurais. En concreto, respecto ás redes de abastecemento e saneamento, pídese que cando non existan redes regularizadas se permita garantir os recursos hídricos a través de medios individuais a executar polos promotores particulares.
A Lei 2/2016 do solo de Galicia establece no seu artigo 24.5 que, para edificar naqueles núcleos nos que non existan redes autorizadas e con capacidade de servizo suficiente, será requisito indispensable que, con carácter previo á obtención de novas licenzas, os proxectos de construción inclúan a concesión privativa para o abastecemento e a autorización privativa para a vertedura emitidas pola demarcación correspondente de augas.
PROBLEMA ESPECIAL COAS REDES VECIÑAIS
A portavoz popular de Vivenda, María Deza, afirmou que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil está a informar desfavorablemente todos os plans básicos municipais no caso de núcleos rurais con redes de abastecemento e saneamento sen autorizar. No caso de núcleos con redes regularizadas, pero cun caudal insuficiente para posibles necesidades a teito do plan, está informando de xeito favorable, se ben condicionado a que as concesións e autorizacións sexan modificadas e garantan o caudal suficiente para o caso de que se ocupe a totalidade das parcelas edificables residenciais previstas neles.
María Deza demandou que a Confederación Hidrográfica “dea un paso á fronte e teña en conta a regulación normativa galega que se está a incorporar nos plans básicos municipais en tramitación, que establece que, para edificar naqueles núcleos nos que non existan redes autorizadas e con capacidade de servizo suficiente, será requisito indispensable que, con carácter previo á obtención de novas licenzas, os proxectos de construción inclúan a concesión privativa para o abastecemento e a autorización preventiva para a vertedura emitidas pola demarcación correspondente de augas”.
“Este postulado é especialmente problemático no caso das redes de titularidade veciñal, amplamente estendidas nos municipios rurais de Galicia, posto que os concellos non son titulares da rede e, por tanto, a súa capacidade de actuación é inexistente”, dixo a portavoz popular, quen apuntou que “isto está a ocasionar unha situación de atoamento que está nas mans da Confederación Hidrográfica poder emendar”.
Na actualidade, dos 27 expedientes de plans básicos municipais iniciados pola administración en toda Galicia, só 4 alcanzaron a aprobación definitiva, “e moitos destes plans en curso non avanzan porque non se obtén o pronunciamento favorable da Confederación Hidrográfica”, indicou María Deza. En concreto, 11 concellos para os que se están a tramitar estes plans básicos municipais e outros 5 que están a promover os seus plans xerais de ordenación municipal están pendentes de obter o pronunciamento favorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para poder aprobar os documentos que ordenen urbanisticamente os seus termos municipais.