Santiago, 27 de outubro de 2020.- O Parlamento de Galicia acordou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, recomendar ao Consello de Contas a elaboración dun informe específico que avalíe o impacto da pandemia da Covid-19 na contratación pública de servizos, particularmente no ámbito sanitario, asistencial e de emerxencias. Así mesmo, encárgase outros informes sobre o emprego de recursos privados ao servizo do sistema público de saúde durante a declaración do estado de alarma por mor da Covid-19 e sobre o control dos concertos sanitarios.
Durante a Comisión parlamentaria para as relacións co Consello de Contas, o deputado popular José Manuel Rey salientou o traballo que desenvolve este organismo “na fiscalización externa da xestión financeira e contable do sector público de Galicia, asesorando ao Parlamento galego e traballando na prevención da corrupción”. “Ese é o camiño no que debemos seguir: deixar traballar ao Consello de Contas”, manifestou.
INFORMACIÓN COMPLETA
José Manuel Rey apuntou que, no informe de fiscalización das contas do sector público de Galicia correspondentes a 2018, o Consello de Contas “pon de manifesto a estabilidade política, económica e institucional de Galicia”. Así, acredita que “a información remitida pola Xunta é completa para que sigamos a situación e actividade dos centros públicos da Administración autonómica; reflexa que a conta da Administración reflexa razoablemente a imaxe fiel do patrimonio, resultados e liquidación orzamentaria; e ofrece a información complementaria solicitada polo Parlamento ou en colaboración co Tribunal de Contas”.
Así mesmo, o deputado popular subliñou que o informe do Consello de Contas “acredita que Galicia cumpriu co déficit e a regra de gasto no 2018, manténdose como unha comunidade solvente, que paga o que debe e que non gasta máis do que ten”. “Estamos seis puntos por baixo do conxunto das comunidades autónomas na ratio débeda/PIB porque xestionamos correctamente e non queremos hipotecar aos galegos de mañá”, sinalou.