13 de decembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera a solicitude ao Goberno de España para que poña en marcha unha operación de traballo subacuático que permita localizar o pecio do buque Villa de Pitanxo, descender ao mesmo e elaborar un traballo fotográfico e audiovisual sobre o seu estado, así como a recoñecer os seus arredores e zona exterior do buque para verificar a posible localización de corpos dos tripulantes desaparecidos.
O deputado popular Manuel Santos volveu trasladar “o noso apoio, o noso ánimo e a nosa solidariedade aos familiares dos falecidos e ás súas lexítimas demandas e reivindicacións, porque son de xustiza”.
“Temos que traer de novo este tema ao Parlamento galego pola falta de rigor e sensibilidade por parte do Goberno de Pedro Sánchez, que a día de hoxe nin contestou nin recibiu aos familiares dos falecidos no Villa de Pitanxo”, indicou.
NOVE MESES DESPOIS
Manuel Santos lamentou que “as continuas contradicións dos responsables do Goberno central en relación con este asunto e a falta de transparencia, de comunicación e de sensibilidade incrementaron o sufrimento e a incerteza das familias dos tripulantes falecidos”. “O Goberno de España leva tempo escudándose detrás das investigacións que se están levando a cabo para dilatar a decisión de enviar barcos e medios tecnolóxicos a Terranova a fin de baixar ao pecio e obter información do ocorrido”, dixo.
“Nove meses despois da traxedia parece que se confirma que a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos enviará un robot a investigar o pecio do Villa de Pitanxo, algo que da a razón claramente aos familiares dos falecidos e á propia Xunta de que esta operación de baixada ao pecio era viable tecnicamente, polo que non se entendía a falta de vontade e a negativa por parte do Goberno central”, concretou.
O deputado popular lamentou “todas as voltas dadas e a desidia neste asunto por parte do Goberno de Pedro Sánchez, pois é unha operación que se puido ter feito antes e non esperar máis dun ano para levala adiante”