O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se pide ao Goberno de España que aprobe, con carácter inmediato, un marco de subministración eléctrica competitiva, estable e predicible para a gran industria consumidora de enerxía.
“Debemos tomar decisións e pasar á acción en defensa de milleiros de postos de traballo que perigan, porque existen ferramentas gubernamentais para garantir a viabilidade á industria electrointensiva”, manifestou o portavoz popular de Industria, Moisés Rodríguez.
Na súa intervención, Rodríguez lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “segue coa incapacidade de adoptar un paquete de medidas que realmente permita á industria española e galega contar cun prezo eléctrico competitivo, e todo iso máis de dous anos despois de que se aprobara o tan esperado e anunciado Real-Decreto 1106/2020, polo que se regula o Estatuto dos consumidores electrointensivos”.
GOLPES Á INDUSTRIA GALEGA
“Este estatuto non foi máis que outro golpe para a industria española e galega, aumentando o risco de deslocalización industrial e de destrución de emprego, principalmente daquelas cun gran consumo enerxético”, apuntou.
Moisés Rodríguez manifestou que “con esta iniciativa reiteramos o compromiso do PPdeG con Alcoa e con todas as empresas de Galicia que precisan enerxía intensiva para levar a cabo a súa produción, motores clave para a Comunidade galega ao manter tecido industrial, emprego estable e de calidade”.