Santiago, 7 de setembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular, co único voto en contra do PSdeG, a través da que se insiste na demanda ao Goberno central para que dote de carga de traballo ao estaleiro de Navantia na ría de Ferrol e se una ao Pacto de Estado por Ferrol formulado polo Goberno galego.
A iniciativa inclúe, ademais, unha reprobación ao Goberno de Pedro Sánchez e á actual dirección de Navantia “pola súa neglixencia perdendo grandes contratos internacionais e o seu rotundo fracaso á hora de atopar solucións para dotar de carga de traballo ao estaleiro ferrolán”, sinalou o viceportavoz popular, Miguel Tellado.
Na súa intervencións, Tellado lamentou que a comarca de Ferrolterra “arrastra desde hai anos serios problemas económicos, laborais e demográficos, pero mentres desde o Goberno galego e o PPdeG se fai todo o posible por atopar solucións, o Goberno central ataca constantemente o tecido industrial de Ferrol, empeorando gravemente a situación”.
Neste sentido, lembrou que “desde principios de ano levamos propoñendo un Pacto de Estado por Ferrol, buscando comprometer a todas as administracións e forzas políticas na activación de medidas, con prazos e orzamentos concretos, dirixidas á recuperación e transformación industrial da comarca de Ferrolterra”. “Porén, ata o día de hoxe, nin sequera obtivemos unha resposta ás cartas remitidas polo Presidente da Xunta ao Presidente do Goberno central e aos ministros, o que supón un desprezo a todos os galegos”, lamentou.
“O único que nos queda por facer desde o Parlamento galego é reprobar as actuacións do Goberno de España e, especialmente, da actual dirección de Navantia por abandono, por incapacidade e por neglixencia”, afirmou o viceportavoz popular. Neste sentido, criticou que “desde que goberna Pedro Sánchez a crise que vive o estaleiro ferrolán está peor que nunca, porque foron incapaces de captar novos investimentos, perdéronse sucesivos contratos internacionais millonarios, retrasáronse sine die os proxectos en marcha das fragatas F-110 e néganse a contratar a construción dun buque ponte que dea carga de traballo”.
Diante desta situación, Miguel Tellado asegurou que “nós non nos rendemos e seguiremos traballando por poñer de acordo a todas as administracións e apostando polo Pacto de Estado por Ferrol; e seguiremos traendo ao Parlamento galego iniciativas pedindo a construción dun BAM e carga de traballo para o estaleiro”.