Santiago, 13 de xullo de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se amosa o rexeitamento das propostas normativas europeas que leven á minoración ou eliminación do emprego de artes de fondo, entendendo que o seu emprego pode ser respectuoso cos hábitats mariños nos que traballan e sinalando o impacto social e económico que estas medidas propostas poden ter, especialmente sobre a frota costeira artesanal.
A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, criticou o intento da Comisión Europea “de forzar, cun acto de execución, o Regulamento de augas profundas, que prohibe a pesca de 94 zonas do Atlántico Norte e supón unha perversión das súas atribucións”. “A Comisión non debería empregar o mecanismo excepcional do que dispón para saltarse o procedemento ordinario, e moito menos cando ten o mandato de reformar a Política Pesqueira Común dentro duns meses”, apuntou.
REFORMA DA POLÍTICA COMÚN DE PESCA
“O razoable sería que a Comisión Europea anunciara o inicio do procedemento para a reforma da Política Común de Pesca e a súa adaptación ás novas realidades, activando os procedementos de consulta e de toma de decisión”, sinalou a portavoz popular, quen engadiu que unha vez revisado e actualizado o marco normativo “é cando corresponde adoptar medidas pertinentes de acordo con ese novo documento”.
Teresa Egerique manifestou que “a día de hoxe consideramos un erro catalogar algunhas artes como prexudiciais, pois o seu impacto depende do uso que se lle dea, e a frota galega segue estritamente a lexislación vixente”. En concreto, explicou que unha análise realizada pola Xunta cifra en preto de 900 as unidades de artes menores potencialmente afectadas dun total de 3.800 embarcacións artesanais, prexudicando a uns 2.100 profesionais e cun impacto na economía de 280 millóns de euros.
Diante desta decisión da Comisión Europea, “a reacción non se fixo agardar e creouse a Alianza Europea de Pesca de Fondo, unha asociación que aglutina a Estonia, Francia, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Paixes Baixos, Polonia, Portugal e Suecia, e que no seu lanzamento, o pasado 19 de xaneiro de 2022, demostrou ante o Parlamento Europeo que estas pesqueiras están ben reguladas, controladas, investigadas e amplamente certificadas.