Santiago, 18 de outubro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que demanda ao Ministerio de Fomento o inicio, o antes posible, da redacción e execución do proxecto de mellora de seguridade viaria e accesibilidade do tramo da N-551 entre a intersección coa N-550 e a Ponte Internacional de Tui, así como a adecuación desta ponte polo seu valor patrimonial e cultural.
O deputado popular Moisés Rodríguez lembrou que “a demanda desta actuación vén de vello, xa que sendo alcalde de Tui xa pedín a realización desta obra tanto á ministra de Fomento do Goberno do PP como ao delegado do Goberno en Galicia”.
SOLUCIÓN A VARIOS PUNTOS CONFLITIVOS
Moisés Rodríguez explicou que, “ademais da mellora na seguridade viaria dos peregrinos, esta mellora permitirá recuperar a imaxe de entrada a Tui pola Ponte Internacional”. Deste xeito, salientou “a importancia desta actuación por ser parte do itinerario do Camiño de Santiago e tamén por constituír o acceso á cidade de Tui, declarada conxunto histórico artístico”.
Na súa intervención, o deputado popular sinalou que a mellora deste tramo da N-551 permitirá dar solución a varios puntos que na actualidade presentan un alto grao de conflitividade: a intersección coa estrada N-550, coa construción dunha rotonda ao mesmo nivel; a mellora da accesibilidade e do entorno da N-551 na coñecida como Avenida de Portugal; e a reordenación do tráfico no entorno do edificio de Aduanas e da Policía fronteiriza.
“O obxectivo destas obras é preparar as sendas do Camiño de Santiago cara a celebración do Xacobeo 2021, polo que a celeridade na redacción e execución do proxecto resulta necesaria xa que estamos encarando a recta final desde longo período sen anos santos”, sinalou Moisés Rodríguez.