O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita a realización de campañas focalizadas en atraer á mocidade aos comercios locais, co fin de xerar vínculos de valor deste sector en Galicia e posibilitar tanto unha posible remuda xeracional como a fidelización de potenciais clientes.
A portavoz popular de Comercio, Felisa Rodríguez, considerou “imprescindible desenvolver campañas específicas dirixidas á mocidade, empregando os seus modos de interacción e comunicación, que se centran no ámbito en liña e nas redes sociais”.
NOVA CAMPAÑA PARA O CURSO 2025-26
Neste sentido, lembrou que a Xunta puxo en marcha este ano a campaña Localízate! No teu comercio local, dirixida a conectar aos estudantes de ESO e ciclos formativos de grao básico co comercio de proximidade. Os obxectivos principais desta iniciativa, na que participaron 600 estudantes das cidades de Ourense, A Coruña, Vigo e Lugo e máis de 70 comercios locais, son achegar o comercio local aos máis novos, promover estes establecementos e fomentar a sostibilidade.
“Logo do éxito desta campaña no fomento dunha conexión real da mocidade co comercio local, a Xunta xa está na fase de captación ou inscrición de participantes nas sete grandes cidades galegas para desenvolver unha nova edición neste curso 2025-26, co obxectivo de duplicar as cifras da primeira convocatoria e procurando sensibilizar, especialmente coa fase práctica, sobre a importancia e a valía da experiencia de compra no comercio local”, indicou Felisa Rodríguez.