Santiago, 6 de outubro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do Grupo Socialista, a través da que se solicita ao Goberno de España que manifeste ante a Comisión Europea o rexeitamento e solicite a retirada da proposta de redución da área xeográfica beneficiaria incluída no espazo de cooperación do Programa POCTEP 21-27.
“Esta decisión deixaría fóra destes fondos europeos ás NUT-3, as áreas elixibles non estritamente fronteirizas, afectando directamente a organismos como a Xunta de Galicia ou as universidades de A Coruña ou Lugo”, concretou o deputado popular José Antonio Armada.
Así mesmo, Armada aceptou incorporar á proposta do Grupo Popular a emenda presentada polo BNG a través da que se solicita que todo o territorio galego poida ser beneficiario do programa POCTEP 21-27 e que se primen os proxectos que teñan unha incidencia positiva no territorio e nas relacións transfronteirizas. Ademais, pídese a creación dun fondo extraordinario, dotado cos orzamentos sobrantes das convocatorias do POCTEP 2014-2020, para compensar os territorios máis directamente afectados polo feches da fronteira como consecuencia da emerxencia sanitaria da COVID 19, que en Galicia tivo un grande impacto polo maior fluxo e integración das áreas fronteirizas.
O deputado popular cualificou de “sorprendente” o cambio de criterio da Comisión Europea, “ao pasar dun xustificado crecemento da área abarcada polo Programa POCTEP a unha diminución drástica”. “Con esta iniciativa, moitas iniciativas e proxectos que se puxeron en marcha a través da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que están a resultar moi exitosas, non poderían ser financiadas porque teñen unha dimensión superior ao recoñecido pola Comisión Europea para acceder ao programa”, lamentou.
José Antonio Armada explicou que a Xunta “xa ten remitido ao Goberno central unha solicitude para reafirmar, ante a Comisión Europea, o mantemento do territorio elixible do anterior período do Programa de Cooperación Transfronteiriza España Portugal 2014-2020”, pero lamentou que “a día de hoxe non hai comunicación oficial algunha sobre cal será o ámbito xeográfico definitivo, e non se espera ata os primeiros meses de 2022”.