Santiago, 2 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta tarde por unanimidade, logo dunha transacción acordada entre todos os grupos parlamentarios, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia á creación dunha Comisión Técnica de seguimento da couza da pataca, coa presenza de representantes da Administración galega, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o Laboratorio Fitopatolóxico de Galicia e a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia. Esta comisión avaliará as medidas de control da praga, as accións informativas que se leven a cabo, así como da evolución do Decreto que prepara o Goberno central.
Segundo o acordo acadado esta tarde, esta Comisión Técnica informará por escrito á Comisión de Agricultura do Parlamento galego e ás organizacións agrarias da súa actividade, en especial das medidas de control que se vaian adoptando e dos medios materiais e humanos dos que se dispoña para a loita contra a colza guatemalteca.
Así mesmo, a Comisión Técnica elaborará un informe escrito que deberá remitirse aos grupos parlamentarios sobre a avaliación das medidas de prevención adoptadas desde 2015 para evitar a extensión da praza da couza guatemalteca.
MEDIDAS ADOPTADAS
O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado manifestou que “estamos a falar dun problema real e serio ante o que a Consellería do Medio Rural non estivo de mans cruzadas e puxo en marcha medidas como a delimitación de zonas, a distribución de 1.200 polilleros nas zonas afectadas ou a colocación de cerca dun milleiro de trampas en parcelas, que capturaron cerca de 14.000 individuos”.
Así mesmo, Gómez Salgado alertou sobre “a alarma social que se está a crear arredor desta situación”, unha situación que “está sendo máis dañina que os problemas orixinados pola propia couza guatemalteca”.
Por último, sinalou que “entre todos temos que aproveitar a campaña informativa levada a cabo pola Consellería do Medio Rural para concienciar aos produtores da necesidade de aproveitar estritamente as medidas de control desta praga”.