Santiago, 19 de xaneiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a impulsar decididamente e completar os instrumentos normativos de reestruturación e mobilización de terra agraria produtiva, como mecanismo para corrixir a falta de base territorial das explotacións agro-gandeiras da Comunidade galega.
O portavoz popular do Medio Rural, José González, demandou á oposición “avanzar de maneira conxunta para facilitar terras a aquelas explotación que o precisen para ser rendibles”. “Se non hai valor engadido nas explotacións, non pode haber vida digna no rural”, indicou.
XERAR VALOR ENGADIDO
González puxo de manifesto a necesidade de “buscar as reestruturacións parcelarias para que as fincas se poñan en valor e sexan suficientes para que xeren valor engadido que permita vivir á xente no rural”.
“Non estamos contentos con que se abandone a boa terra agraria, polo que temos que traballar todos xuntos para conseguir que a superficie agraria sexa atractiva e produtiva”, indicou. Así mesmo, demandou que a Xunta “impulse todos os instrumentos para mobilizar a terra agraria produtiva”.
José Gonzalez lembrou que Galicia conta con 647.600 hectáreas de superficie agraria útil. Porén, a media por explotación é de 8,2 hectáreas, fronte ás 24 de media en España. A este dato súmase que máis do 63 por cento das explotacións teñen unha superficie agraria útil que ronda as 5 hectáreas.