Santiago, 19 de xaneiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, solicitar á Xunta de Galicia que estude a modificación da actual parada do transporte escolar existente na estrada DP-2404 ao seu paso polo lugar de Vilaño no concello de Laracha ata outro punto dentro da mesma calzada que garanta unha maior seguridade dos alumnos, vehículos e peóns.
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, apuntou que “calquera cambio que se leve a cabo na parada deberá contar co informe favorable tanto da Dirección Xeral de Tráfico como do organismo responsable da estrada, de xeito que cumpra estritamente a normativa vixente”.
Así mesmo, Fernández Prado manifestou a necesidade de “buscar unha solución de consenso con todos os usuarios deste servizo”, ao tempo que lembrou a pauta que debe seguir a Administración á hora de establecer a planificación e programación do transporte escolar: tutelar o interese xeral do alumnado desprazado, que debe ostentar preferencia sobre o particular de cada un dos usuarios.