Santiago, 16 de xuño de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, a instancias do Grupo Popular, solicitar á Xunta de Galicia que realice o desenvolvemento regulamentario necesario, no prazo de tempo máis áxil posible, para implantar en 2018 a primeira convocatoria centralizada de policías locais.
O deputado popular Jacobo Moreira demandou que a Xunta “leve adiante a maior difusión entre os concellos sobre a posibilidade de contar coa colaboración da Xunta de Galicia nos procesos selectivos de policías locais, co obxectivo de continuar coa mellor profesionalización destes corpos”.
PROTOCOLO COA FEGAMP
“O obxectivo do Goberno galego é colaborar activamente cos concellos de Galicia que dispoñen de corpo da Policía Local, en especial con aqueles que contan con limitados medios humanos e técnicos, para a realización dos procesos selectivos de ingreso dos novos membros dos corpos da Policía local de Galicia, en aras a necesaria colaboración entre administracións públicas”, apuntou.
Neste sentido, lembrou o recente protocolo de colaboración asinado entre a Vicepresidencia da Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) dirixido a facilitar a colaboración con 130 concellos na realización das probas selectivas nos corpos de policías locais de Galicia.