Santiago, 23 de novembro de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a solicitar do Concello de Vigo a que leve a cabo, á maior brevidade posible e segundo as condicións acordadas no convenio asinado, as adaptacións tecnolóxicas necesarias para que os dispositivos de cobro do transporte urbano Vitrasa sexan compatibles coa tarxeta do transporte metropolitano de Galicia, de xeito que os veciños deste municipio e da súa área se poidan beneficiar, canto antes, de todos os descontos previstos neste plan.
A deputada popular Teresa Egerique manifestou que “nesta proposición non de lei apelamos á cooperación para ser máis fortes e máis grandes; apelamos á altura de miras, e non á política da miñoca; e, sobre todo, apelamos á lealdade e aos compromisos que se teñen manifestado na sinatura do convenio”. “Erra o político que pense que en pleno século XXI competir é mellor que cooperar, porque a fortaleza do sur de Galicia non está nos políticos, está no medio millón de habitantes que conforman a área metropolitana de Vigo, na súa realidade xeográfica e nas súas similitudes, non nas súas diferenzas”, manifestou.
MANTER O RÉXIME DE TARIFAS DIFERENTE
Teresa Egerique explicou que, “máis alá dos problemas tecnolóxicos, a problemática fundamental para que por parte do Concello de Vigo e da empresa Vitrasa se cumpra o compromiso asumido no convenio que asinaron o pasado 6 de xullo radica na súa pretensión de manter un réxime de tarifas diferente ao establecido no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, así como no mesmo convenio que asinaron”.
Así, indicou que “a data da posta en marcha depende agora mesmo só do tempo que o Concello de Vigo empregue en adaptar os dispositivos de cobro de autobús urbano para que sexan compatibles coa tarxeta de transporte metropolitano”.
Respecto das tarifas, Egerique sinalou que, “no momento no que as máquinas de cobro dos autobuses urbanos de Vigo estean adaptadas á tarxeta, os usuarios comezarán a beneficiarse do aforro e pagaran 86 céntimos por cada viaxe e non 1,32 euros como abonan na actualidade”. “O Concello de Vigo e a concesionaria do transporte urbano seguen apostando polo billete máis caro de España e pola torpeza, a tardanza e falta de efectividade e lealdade aos acordos e aos cidadáns”, lamentou.
BATALLA ENTRE A EMPRESA E O CONCELLO
“Se neste Parlamento houbo que negociar, cooperar, consensuar e debater moito para chegar a acordos, non podemos aceptar nesta Cámara que na cidade de Vigo se presencie todo o contrario, posto que agora isto parece unha batalla entre a empresa concesionaria e o propio concello que, como sempre, bótalle a culpa dos seus incumprimentos aos demais”, manifestou a deputada popular.
Para rematar, Teresa Egerique apuntou que co transporte metropolitano de Vigo “son case medio millón de veciños deste área que terán uns aforros medios, no caso dos usuarios frecuentes, de ata 1.000 euros anuais”. Ademais, engadiu que “é preciso avanzar para non quedarse atrás e estar a pleno rendemento cando estea feita a estación intermodal e a ampliación de Rande rematada”.