Santiago, 7 de xullo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Consello Xeral do Poder Xudicial, en coordinación coa Administración de Xustiza, que elabore un protocolo de actuación con medidas que garantan a accesibilidade sensorial e cognitiva das resolucións xudiciais. “Compre contar co esforzo de todos os operadores xurídicos para acadar unha maior claridade na linguaxe xurídica que acerque o Dereito aos cidadáns, e para conseguilo é necesario adoptar medidas que, sen afectar ao rigor técnico, favorezan a comprensión por parte dos cidadáns das resolucións xudiciais das que son destinatarios”, indicou a portavoz de Xustiza do Grupo Popular, Julia Rodríguez.
Na súa intervención, Rodríguez referiuse á “dificultade da poboación para entender textos xudiciais de certa especialización e complexidade técnica, en especial persoas con discapacidade intelectual, persoas maiores que ven mermadas algunhas facultades intelectuais polo paso da idade, a poboación inmigrante con escaso dominio do idioma ou persoas sen estudos que non saben ler ni escribir”.
RESOLUCIÓNS COMPRENSIBLES
Deste xeito, sinalou que “os cidadáns teñen dereito a que as resolucións xudiciais se redacten dunha maneira comprensible, empregando estruturas e sintaxe sinxelas, que as fagan accesibles de maneira que o usuario poida entender si gañou ou perdeu, a razón dese resultado, as súas consecuencias ou se ten que pagar ou ten que percibir algo”.
“A adaptación á lectura fácil dunha sentenza e a dobre comunicación que propoñen é unha opción pero existen outras, e por iso hai que seguir traballando e implementando medidas”, manifestou a portavoz popular, quen demandou “unha intensa actividade institucional e colaboración do conxunto das administracións, das organizacións máis representativas, profesionais, e da sociedade en conxunto”.